Cruz Vermella lanza unha campaña para promover o voluntariado
Por Oskar Viéitez
Cruz Vermella promove novas formas de voluntariado, contando coas capacidades e coñecementos que teñen as persoas, "para que axudar a quen máis o necesitan sexa cada vez máis sinxelo".
A nova campaña #MilManerasdeVoluntariado ten como protagonistas a un grupo de persoas que demostran cos seus testemuños que "se queres axudar en Cruz Vermella agora é máis fácil, áxil e flexible, está ao alcance de todas as persoas e pódese colaborar de moitas maneiras, achegando cada un o noso granito de area ".
Por exemplo, Manu ensina o idioma a persoas refuxiadas, María apoia nas súas tarefas escolares a nenos e nenas en dificultades, Lucía deseña proxectos de prevención de violencia de xénero, José Luque fai talleres de alfabetización dixital, Nati organiza actividades de lecer e tempo libre para mozos con discapacidade, Julián axuda ás familias para loitar contra a pobreza enerxética e Yenis defende os dereitos humanos difundindo en redes sociais iniciativas de Cruz Vermella.
En Pontevedra as accións da campaña deron comezo cunhas charlas informativas sobre o voluntariado na Facultade de Belas Artes, na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte e vanse a estender ao longo do mes de febreiro coa realización de varias accións de divulgación. Entre elas:
- 12 de Febreiro: charlas na Facultade de Belas Artes
- 13 de febreiro: mesa informativa no Hospital Provincial.
- 14 de febreiro: CIFP A Xunqueira: ciclos de mañá e de tarde. (dependencia, infantil, integración social e xénero).
- 18 febreiro: charlas no centro asociado da UNED en Monte Porreiro.
- 19 febreiro: mesa informativa na Facultade de Comunicación e Publicidade. Vídeos en pantallas e redes.
- 20 febreiro: charlas na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte.
- 21 febreiro: mesa informativa no Hospital Provincial.
Tamén se poderá seguir a campaña a través das redes sociais.
Actualmente a asemblea de Pontevedra conta coa colaboración dun equipo de voluntariado activo de máis de 500 persoas que cada día participan dunha forma solidaria e altruísta no desenvolvemento dos diferentes programas de acción que atenden a máis de 10.000 pontevedreses.
Os destinatarios son aquelas persoas maiores de 18 anos, con inquietudes sociais e que dispoñan de varias horas libres á semana.
Ademais, non fai falta ter un perfil específico, xa que a institución facilita aos seus voluntarios a formación necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade.
Principalmente pretenden ampliar o número de persoas voluntarias maiores de 55 anos, que dispoñen de gran cantidade de tempo libre e ofrecen un bo nivel de responsabilidade e compromiso, tamén esperan aumentar o número de persoas novas de entre 18 e 30 anos que se animen a participar nos diferentes proxectos que desenvolven dirixidos á infancia.