Carmela Silva lamenta ás protestas ante o curso de canteiros impartido no Centro Penitenciario A Lama
Por Olaya Madrigal & Mónica Patxot
Carmela Silva, presidenta da Deputación, respondeu con abraio á pregunta sobre as protestas arredor do curso de canteiros, "Elaboración de obras en pedra natural", impartido no Centro Penitenciario A Lama.
Dende a súa construción e inauguración no ano 2000, no que contaba con 100 prazas para alumnos, a Escola de Cantería de Poio viviu un constante decremento de estudantes ata chegar á cifra de 11 no curso actual. A escola enfróntase a un futuro incerto, xa que na actualidade o profesorado supera ao alumnado, mentres que o seu mantemento segue a supoñer un gasto dun millón de euros anual.
Este descenso continuado produciuse, por unha banda, pola cantidade de horas que o curso require, sendo un total de 4.600 horas en comparación coas 2.000 habituais impartidas noutros centros e, pola outra, pola inexistencia dun título homologado que lle dea validez ao esforzo desempeñado polos futuros canteiros.
A loita por un cambio na situación vense dando dende abril do ano pasado, esixindo a escola a homologación do título tanto para alumnos actuais como para aqueles que xa o cursaron. Dende a deputación, o goberno comprometeuse coa causa, comezando en setembro co plantexamento e despois co orzamento dunha serie de obras esenciais para que a escola poida solicitar a homologación ante a Xunta. O proxecto de obras aprobouse en outubro e anunciouse un prazo de execución de 9 meses.
O problema polo que os alumnos da escola se senten afectados, sen embargo, é o comezo do curso de canteiros "Elaboración de obras en pedra natural", impartido no Centro Penitenciario A Lama. O curso foi anunciado en febreiro deste ano e, segundo as protestas dos afectados, por un total de 250 horas os presidiarios recibirían o mesmo certificado que aqueles alumnos cun período de aprendizaxe de 4 e ata 5 anos.
Precisamente nesa liña foi a pregunta realizada na rolda de prensa realizada este venres pola presidenta, na que se inquiría polas protestas acontecidas a raíz do anunciamento do curso. Ante isto, a presidenta amosouse doída co comportamento da sociedade que, na súa opinión, debería fomentar a axuda aos demais e, especialmente, aos máis necesitados. Manifestou o seu abraio e tristeza ante a protesta contra unha iniciativa que tan só pretende a reinserción e a facilitación na vida dos detidos. Respondeu tamén á acusación de haber homologado o curso do centro penitenciario antes que o normativo cunha negación, na que concretou que tan só a Xunta ten a capacidade de homologar e aclarou que o que os presidiarios recibirían sería un certificado facilitado polo centro penitenciario.
Relacionadas:
-
440.000 euros para mellorar as instalacións da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería de Poio morre por falta de homologación: 11 alumnos e un millón de euros de gastos anuais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Deputación realizará obras na Escola de Cantería para tentar lograr a homologación do título
Por Redacción |