Identifican o home denunciado por dous mozos por un incendio nun monte de Vilanova de Arousa
Por Redacción
Axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Pontevedra veñen de esclarecer un incendio no concello de Vilanova de Arousa grazas á colaboración cidadá.
O suceso tivo lugar o pasado 4 de febreiro no lugar de O Monte, en Deiro. Un home foi sorprendido por dous mozos que lle recriminaron a súa actitude ao estar queimando rastroxos e que lle esixiron que os axudara a apagar o incendio, para logo poñer en coñecemento do 112 todo o acontecido.
O incendio afectou cen metros cadrados de superficie arborada, e xa fora sofocado cando chegaron os medios do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta. Polos feitos instruíronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de garda de Vilanova de Arousa.
A Policía Autonómica está actualmente investigando se a autoría destes lumes puidera estar relacionada con outros rexistrados na mesma zona nos últimos anos e que tamén tiñan como orixe a queima de rastroxos.
Na actual campaña anti-incendios forestais de 2019, un total de 3 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de lumes.