As primarias de Podemos confirman a José Ramón Otero como candidato á Alcaldía de Pontevedra
Por Natalia Puga
José Ramón Otero Quinteiro, actual secretario do círculo de Podemos Pontevedra, foi confirmado como candidato da formación morada á Alcaldía de Pontevedra nas próximas eleccións municipais de maio. Así o decidiron os inscritos nas eleccións primarias que se celebraron durante a última semana e cuxos resultados se fixeron públicos este venres.
En todo caso, o feito de que Otero Quinteiro fora votado como candidato non significa que Podemos Pontevedra se presente ás eleccións de forma independente, senón que, tal e como decidiron en votación os seus inscritos, acudirá en coalición con todos os partidos que se queiran sumar a unha candidatura conxunta.
Agora que Otero xa é candidato oficial, abrirase un proceso de diálogo con Esquerda Unida, Anova, Equo e Marea Pontevedra. Na mente de Podemos está reeditar a coalición coa que se presentaron ás municipais de 2015 e xa asumen a posibilidade de que o cabeza de lista sexa outra persoa e non José Ramón Otero.
Ese cabeza de cartel negociaríano co resto de forzas políticas e Podemos, segundo indicaron desde o partido a PontevedraViva, propoñerá que sexa unha muller (e non Otero) e non necesariamente de Podemos Pontevedra.
Desde Podemos Pontevedra tamén queren aclarar que non poñerían ningún impedimento a que o candidato fose o actual número 1 de Marea Pontevedra, Luís Rei, Así, indican que en caso de chegar a acordo con Marea e outras forzas, habería que respectar a súa candidatura xa elixida e presentada, neste caso Luís Rei. Esa candidatura de consenso da que falan e que implicaría priorizar unha candidata muller sería para o caso de non chegar a acordo para presentarse con Marea, senón con outras forzas que aínda non tivesen cabeza de cartel.
No caso de que Podemos Pontevedra non consiga acordo con outras forzas políticas para ir en coalición ás municipais, farao en solitario, coa cabeza de lista de José Ramón Otero.
A de Otero foi a única candidatura que se presentou ao proceso de primarias e logrou o respaldo de todos os votos válidos da votación. En total, votaron 66 inscritos, pero oito fixérono en branco. El tivo os 58 votos válidos.
Ademais do número 1, o proceso de Primarias tamén votou ao resto de persoas que se integrarían na lista electoral da candidatura en caso de ser en solitario ou poderían forma parte da lista en coalición. Os seleccionados foron, por esta orde, Bárbara García Iglesias, Mar Moreira Dopazo, Ivan Urtaza Coto, Victor Sariego Balbona, Francisco José Fraiz Alvarez, Marta Marcos, Fernando Martínez Valdueza e Laura Trastoy Torregrosa.
Relacionadas:
-
Podemos quere converter a Avenida da Coruña nunha "rambla urbana" peonil
Por Redacción |
-
Podemos e Esquerda Unida presentaranse xuntos ás municipais en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
En Marea e Podemos renden contas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Podemos presentarase ás municipais con forzas "afines" que se queiran "sumar" a eles
Por Alejandro Espiño |
-
José Ramón Otero, único candidato para liderar a Podemos en Pontevedra
Por Redacción |