Moraña amplía o seu plan de compostaxe municipal
Por Redacción
Tras unha proba experimental que resultou ser satisfactoria, o Concello de Moraña prepárase para ampliar o seu plan de compostaxe municipal.
Os veciños que xa traballan con este sistema para tratar os residuos orgánicos están satisfeitos, segundo o goberno municipal, e a demanda é crecente. De aí que solicitaran a Sogama un novo lote de 25 composteiros que serán repartidos entre os veciños que o pediron seguindo a orde cronolóxica da súa petición.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, celebrou "ir dando pasos na reciclaxe de residuos orgánicos para a súa conversión en abono" e destacou que o Concello "está a desenvolver este proceso de xeito natural, sen obrigar á cidadanía e aportando información, o que nos permite avanzar de xeito seguro, xa que os veciños que se suman a este proxecto o fan plenamente convencidos".
O goberno local, engadiu Piñeiro, están realizando numerosas accións transversais para impulsar tanto a reciclaxe como a redución de lixo e lembrou que hai dous meses comezouse co proceso de adquisición de 62 contedores -55 para plásticos e envases lixeiros e 7 de papel-cartón- para achegalos ás aldeas e favorecer a separación de residuos.
O obxectivo é reducir as 1.425 toneladas anuais de residuos que produce o municipio e que se separen axeitadamente para aumentar a porcentaxe da reciclaxe.