Avanzan as obras para asfaltar o camiño en San Blas, que mellorará a saída das praias de Marín
Por Redacción
Esta semana iniciábanse as obras para mellorar o camiño en San Blas co acondicionamento e asfaltado deste espazo.
A actuación, situada nas proximidades da praia de Aguete, forma parte do plan de melloras de diversos viarios de comunicación no municipio. Trátase de camiños públicos que con esta reforma comunicarán de forma óptima os núcleos urbanos e servirán de saída ao viario de praias, desde onde comeza en dirección á estrada PO-551.
As obras corren a cargo da empresa COVSA e foron contratadas cun orzamento de máis de 41.725 euros. O prazo de execución é dun mes pero dependerán de que a meteoroloxía acompañe e permita que o ritmo da actividade sexa o inicialmente previsto.
A asociación de veciños reclamaron en numerosas ocasións o asfaltado deste camiño, que ofrece unha importante utilidade durante a tempada de verán para evitar o viario de praias.
Pablo Novas, concelleiro encargado do rural en Marín, sinalaba que este proxecto se encadra no Plan Concellos de 2018.