O trapicheo de drogas na Ferrería, de novo ante un xuíz por unha pequena venda de cannabis a un menor
Por Natalia Puga
A actividade de trapicheo que as policías Local e Nacional de Pontevedra levan anos perseguindo na céntrica praza da Ferrería de Pontevedra e toda a súa contorna chegou este xoves, de novo, aos xulgados da Parda. Nesta ocasión, sentou no banco unha veciña da cidade do Lérez que recoñeceu vender unha pequena cantidade de cannabis a un mozo de 17 anos.
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra ditará unha sentenza condenatoria contra esta veciña de Pontevedra que chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que a muller evitará ingresar en prisión sempre que non delinca durante os próximos dous anos e continúe co tratamento de deshabituación do consumo de drogas que segue na actualidade.
Coa súa conformidade, esta muller será condenada como autora dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de substancias que non causan grave dano á saúde a unha pena dun ano de prisión e o pago dunha multa de tres euros, pero con ese mesmo acordo tamén se acorda que se suspende a execución da pena de cárcere condicionado ao pago dos tres euros e a cumprir as condicións esixidas.
O maxistrado Miguel Aramburu fíxolle saber que será condenada en sentenza firme nos termos acordados co fiscal e a muller comprometeuse a seguir vivindo en Pontevedra e continuar co tratamento que segue nun centro da cidade e que lle permite desengancharse da adicción á droga que tiña cando cometeu o delito xulgado.
Os feitos dos que se recoñeceu autora producíronse hai dous anos, o 23 de xaneiro de 2017. A muller, de iniciais S.V. C., vendeu un pequeno envoltorio que contiña 0,842 gramos de cannabis a un menor de 17 anos. Vendeulla a cambio dunha cantidade de diñeiro e en presenza doutras tres persoas tamén menores de idade.
Relacionadas:
-
Sorprenden ata catro veces a un home vendendo droga na Ferrería
Por Redacción |
-
Apelan ao autoconsumo nun xuízo por trapicheo: "Por desgracia, soy adicto y lo necesito para los nervios"
Por Natalia Puga |
-
Imputan seis persoas por un presunto delito de tráfico de drogas na Ferrería
Por Diego Espiño |
-
Dous imputados nun novo operativo contra o trapicheo no entorno da Ferrería
Por Redacción |