Absolto Nené Barral e outros 15 acusados na operación Trucarro tras anular as escoitas telefónicas
Por Redacción
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, absolveu os 16 acusados, entre eles o exalcalde de Ribadumia Nené Barral, na coñecida como operación Trucarro, na que se investigou a manipulación da quilometraxe de vehículos de segunda man antes de poñelos á venda nas catro provincias galegas.
O tribunal decretou a nulidade das intervencións telefónicas no trámite de cuestións previas, unha decisión que, tal e como se indica na sentenza, marcou "o devir do procedemento". Os maxistrados sinalan na resolución que a nulidade das escoitas, tal e como sostiveron as acusacións durante o xuízo, "determinou que todas as demais probas estivesen contaminadas ao obterse toda a información por mor delas".
A Audiencia argumenta que a investigación, iniciada en 2008 e levada a cabo polo Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela, partiu da información que a Garda Civil obtivo nunha intervención telefónica acordada polo Xulgado de Instrución número 2 de Lalín. O tribunal salienta que os datos conseguidos nesas primeiras escoitas telefónicas, que son os que deron orixe á operación Trucarro, non constan na causa, á que tampouco se incorporaron "nin os autos que as acordaron nin os oficios policiais que as solicitaron". As defensas dos sospeitosos impugnaron por ese motivo a validez das intervencións.
A Audiencia lembra na resolución que, tal e como decreta o Tribunal Supremo, desde o momento no que se presenta a demanda de nulidade recae nas acusacións, tanto na pública como nas particulares, "a carga de reaccionar e acreditar a lexitimidade das escoitas, ben mediante a achega da documentación ou ben mediante a solicitude ao tribunal para que a solicite". Neste caso, segundo os maxistrados, tanto o fiscal como as acusacións, mantiveron ante a impugnación das escoitas "unha actitude pasiva", pois non trataron "de acreditar a súa lexitimidade unha vez que as impugnou unha das defensas meses antes do comezo do xuízo".
"Tampouco reaccionaron cando a pediron no trámite de cuestións previas, nin días despois cando volveu comezar o xuízo e o tribunal preguntou ás partes se existía algún obstáculo a que se resolvese a nulidade das escoitas solicitada polas defensas", recalcan os xuíces, que sosteñen que "o intento" do Ministerio fiscal de achegar a documentación cando o tribunal xa declarara a nulidade das intervencións é "claramente improcedente por extemporáneo".
Relacionadas:
-
O regreso de Nené Barral ante un tribunal terá que seguir esperando
Por Natalia Puga |
-
Nené Barral, no banco por contrabando 21 anos despois da súa detención
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Nené Barral, por fin no banco dos acusados?
Por Redacción |
-
Aprazado sen data o xuízo contra Nené Barral por contrabando e suborno
Por Natalia Puga |
-
A causa sen xulgar máis antiga de España sentará a Nené Barral no banco por contrabando e suborno
Por Natalia Puga |