O parque municipal de punta Vicaño contará cun bar bioclimático
Por Redacción
O parque municipal de Punta Vicaño dispoñerá desde finais de mes dun bar-cafetería que complementará a oferta de lecer existente neste espazo constituído por 22.000 m2 de zona verde e situado entre as vilas de Sanxenxo e Portonovo.
E é que a Administración local acaba de adxudicar por catro anos á empresa Novacondria S.L. a explotación dun quiosco de tempada, que contará ademais con aseos públicos, por un importe anual de 4.500 euros, cifra que supón un aumento do 50% con respecto ao prezo mínimo de licitación establecido en 3.000 euros.
Ademais da oferta económica, a mesa de contratación tivo en conta outros factores como o incremento de calidade da proposta en relación ao previsto no pliego, principalmente no referente ás condicións medioambientales e estéticas e as medidas que favorezan a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida.
Outros dos aspectos valorados foron os investimentos a realizar, cuantificados neste caso en 145.021 euros, e que inclúen a dotación dos servizos de electricidade, abastecemento de auga e saneamento, que pasarán a ser de titularidade municipal unha vez remate a concesión. A oferta presentada pola firma sanxenxina contempla que a instalación estea conformada por un conxunto modular bioclimático elaborado en madeira certificada proveniente de bosques de cultivo e que será tratada con protectores libres de disolventes.
Os xestores deste establecemento coidarán tamén a contorna utilizando na súa actividade diaria envases para a comida "take away" que serán biodegradables, do mesmo xeito que os produtos de limpeza.
Á súa vez, o bar contará cun ecopunto destinado ao reciclaxe dos residuos producidos, á vez que Novacondria implantará un sistema de xestión ambiental propio como o que desenvolve Nauta Sanxenxo no Porto Deportivo Juan Carlos I.
A intención da firma adxudicataria é obter unha certificación de calidade a través da súa adhesión ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) que promove Turespaña e do que Sanxenxo é o maior expoñente en Galicia, ao tratarse do municipio con maior número de distincións da Comunidade.
"Estamos seguros que este novo servizo suporá un aliciente máis á hora de que veciños e visitantes gocen deste impresionante enclave natural que xa dispón dun área de xogos infantís e doutra biosaudable", afirmou o concelleiro de Medio Ambiente, José Luís Rodríguez.