O director da DXT traslada á Deputación o seu parabén pola súa política en materia de mobilidade
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra tivo este mércores a súa cota de protagonismo no V Encontro de Cidades organizado pola Dirección Xeral de Tráfico e a FEMP en Málaga, unha xornada na que o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, presentou o traballo realizado pola institución provincial nesta materia.
Uxío Benítez entregou ao director xeral da DXT, Pere Navarro, a 'Guía de espazos públicos e mobilidade amable' realizada pola Deputación e explicou o traballo realizado na provincia de Pontevedra para dar prioridade ás persoas nas vías provinciais e nos espazos públicos.
Segundo a información facilitada pola Deputación, Pere Navarro parabenizou ao deputado de Mobilidade provincial e destacou que os conceptos e propostas prácticas da publicación pontevedresa deberían exportarse non só a cidades e vilas españolas, senón tamén a países latinoamericanos que nestes momentos teñen importantes problemas de mobilidade e seguridade viaria co fin de facelas máis 'vivibles' e seguras.
En relación con este aspecto, Navarro asegurou publicamente na súa conferencia inaugural que é fundamental traballar para "reducir os coches das cidades" e crear espazos nos que a mobilidade principal sexa a das persoas. "A competitividade das cidades xógase na xestión da mobilidade, que debe ser segura, conectada e limpa. En política é importante arriscar e hai que ter en conta aos usuarios máis vulnerables e cambiar a política de mobilidade priorizando ás persoas", subliñou.
Segundo a información da Deputación, moitos representantes doutras administracións locais, provinciais, autonómicas e estatais de diferentes cores políticas interesáronse pola Estratexia de Mobilidade 3.0 que está a desenvolver a institución provincial sobre as bases da seguridade, a sustentabilidade e a inclusión.
Entre outras cuestións, os asistentes ás xornadas interesáronse polo Plan Móvese para instalar redutores físicos de velocidade, polas liñas de subvencións para redactar plans de mobilidade sustentable que benefician a 42 dos 61 concellos da provincia, e polas axudas para desenvolver camiños escolares seguros.
Relacionadas:
-
A Deputación e o Cabildo de Fuerteventura intercambian as súas experiencias sobre mobilidade amable
Por Redacción |
-
Pere Navarro mostra interese pola experiencia de Pontevedra co sistema de estacionamento de servizos
Por Redacción |
-
Lores, a través da rede Cidades que Camiñan, reunirase con Pere Navarro, director de Tráfico
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación levará o seu modelo de mobilidade amable a Málaga e Fuerteventura
Por Oskar Viéitez |
-
Joan Clos dialoga con Lores sobre deseño urbano no inicio do ciclo 'Urbtopías'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |