A tempada de pesca fluvial galega, aberta desde o 17 de marzo ata o 31 de xullo
Por Redacción
O 17 de marzo iníciase a tempada de pesca en Galicia. Así se recolle na orde coas normas de pesca nas augas continentais, que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). O prazo, en xeral, rematará o 31 de xullo.
Nesta orde aparece reflectida a decisión do Comité de Pesca de Galicia para reaxustar as cotas por especie, coa intención de se equiparar a outras comunidades próximas e como medida de control de sobreexplotación dos distintos recursos dos ríos galegos.
SALMÓN
O período en que está permitida a pesca de salmón transcorrerá desde o 1 de maio ata o 31 de xullo. A Xunta resérvase que se adiante o peche da tempada segundo cales sexan as cotas de captura. No río Eo, a tempada finalizará o 15 de xullo.
A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. A cota anual no río Lérez será de 5 salmóns, mentres que no río Ulla chegará a 50; no Mandeo, o máximo será 5; 15 no Masma; 8 no Miño e 10 no coto de Salmeán.
REO
A tempada hábil comeza o 1 de maio e conclúe o 31 de xullo, pero vai prorrogarse ata o 30 de setembro nos cotos de Betanzos, Celeiro, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro e Xuvia. No coto de Lambre prorrógase ata o 15 de setembro.
En Pontevea, Ximonde, Santeles e Sinde, só permitirase a modalidade de pesca sen morte entre o 1 de agosto e o 30 de setembro. En Ponche Arnelas, o período establecido para este tipo de pesca vai do 1 ao 30 de setembro.
TROITA
A tempada comezará o 17 de marzo e finalizará o 31 de xullo. Nos cotos con convenio de colaboración prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña iniciarase a tempada o 1 de maio. Establécese, por norma xeral, a opción de capturar seis exemplares ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros.
Os luns considéranse inhábiles para a pesca, salvo festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só haberá posibilidade de pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, agás o 18 de abril (Xoves Santo) e o 17 de maio (Día das Letras Galegas), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.
En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de Meteogalicia.