O programa "Caldelas Viaxa" acada a súa cuarta edición este ano, que comezará cunha excursión dunha fin de semana completa a diversos enclaves turísticos asturianos.
O Goberno local, integrado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, ten xa establecido todo o programa que, en edicións anteriores, moveu preto de 2.000 persoas. Nesta nova cita, o programa dará comezo moito máis cedo, a fin de evitar o período previo ás Eleccións Municipais, e o número de saídas aumentará de 6 a 8.
A primeira saída será na fin de semana do 30 e 31 de marzo e terá como destinos: Xixón, Llanes, Ribadesella e Covadonga (Asturias). O prezo é de 60 euros por persoa en habitación dobre, facéndose o Concello cargo de todos os gastos restantes.
O prazo de reserva ábrese o vindeiro martes, de 09:00 a 14:00 horas no propio Concello e a dispoñibilidade limítase ás 150 prazas, para as que é preciso estar empadroado en Ponte Caldelas e facer o ingreso. Só se recollerán seis solicitudes por persoa para garantir un reparto xusto.
O equipo de Goberno está concretando o destino das excursións restantes, das cales 5 serán a lugares non visitados anteriormente.