Auxilian dous mergulladores que tiñan dificultades para saír da auga na praia de Foxos
Por Redacción
A praia de Foxos, en Sanxenxo, foi o escenario este mércores dun operativo de rescate por parte dos servizos de emerxencia. Dous mergulladores tiveron que ser auxiliados ante as dificultades que tiñan para poder saír da auga.
Ambos, que se atopaban a uns 50 metros da costa, lograron chegar á beira polas seus propios medios pero, un deles, que sufrira unha forte conmoción na auga, necesitou asistencia médica e foi evacuado ao hospital Montecelo de Pontevedra.
O seu estado non reviste gravidade, segundo confirmaron as autoridades.
O 112 Galicia explicou que unha persoa que pescaba preto da zona lanzouse á auga para socorrelos e, posteriormente, foi recollido por unha embarcación que o trasladou san e salvo ao porto de Portonovo.
O suceso produciuse sobre as once e media da mañá tras alertar unha persoa ao 112 ao ver como os dous mergulladores, que practicaban submarinismo deportivo, pedían auxilio nas inmediacións da ermida da Lanzada.
Salvamento Marítimo, un equipo médico do 061, membros do GES de Sanxenxo e axentes da Policía Local e a Garda Civil acudiron ata o lugar do accidente.