Próxima convocatoria das primeiras axudas á rehabilitación na ARI insular do Parque Nacional Illas Atlánticas
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Vivenda prevé convocar no vindeiro trimestre as primeiras axudas á rehabilitación que se concederán para actuacións na primeira área de rehabilitación integral insular (ARI), a do Parque Nacional Illas Atláticas de Galicia.
A conselleira Ángeles Vázquez visitou este mércores o Concello de Bueu, onde presentou este novo proxecto que se converte na segunda ARI que xestionará o Instituto Galego de Vivenda e Solo de xeito directo, tal e como se fai na actualidade coa ARI dos Camiños de Santiago.
A nova ARI abrangue os arquipélagos das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e, polo tanto, beneficia a catro municipios: Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira.
Salientou que as axudas que se convocarán no mes de abril beneficiarán ás vivendas que se localizan no único parque nacional coa que conta a comunidade e tamén permitirá realizar actuacións de urbanización e reurbanización. Tal e como explicou a conselleira, no conxunto do parque hai 136 vivendas dentro desta ARI e para a súa rehabilitación serían necesarios preto de 10 millóns de euros.
Disporanse axudas de ata 16.000 euros para que os promotores solicitantes poidan acometer melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade e de reforma de vivendas e instalacións.