Cubela anuncia máis parques infantís en Valongo, Tenorio e Cutián
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de estrear o novo parque de xogos da parroquia de Viascón, que está situado nas inmediacións da igrexa parroquial e da Casa do Pobo e que supuxo un investimento aproximado de 40.000 euros.
A actuación consistíu no derrubo previo do palco que estaba nesta contorna, tal e como se consensuara coa veciñanza para gañar espazo, e a posterior construción dun moderno espazo para os cativos que está completamente homologado e que dispón de catro grandes elementos de xogos, entre os que figuran bambáns e un tobogán, entre outros. Ademais, e para garantir a seguridade, todo o recinto está perfectamente delimitado e pechado cun valado de madeira.
Con motivo da conclusión desta obra, o presidente municipal, Jorge Cubela, achegouse ata a zona, onde revelou que a extensión de parques infantís continuará ao longo do presente ano coa construción de novos complexos de xogos nas parroquias de Valongo e Tenorio e coa dotación dun equipo de bambáns en Cutián.
Polo demais, e seguindo coa parroquia de Viascón, Cubela lembrou que, tamén a comezos deste ano, rematouse un completo proxecto de obras hidráulicas en O Mallo, Cuiñas, A Costiña e A Bouza coa mellora de fontes e a construción e limpeza de cunetas e canalizacións de augas co obxectivo de evitar a afección das choivas á rede viaria e aos demais servizos nunha zona caracterizada polo forte desnivel da meirande parte dos seus núcleos.
Finalmente, engadiu que, tras todas estas actuacións, as vindeiras obras na parroquia de Viascón serán a mellora de gran parte da súa rede viaria, cun investimento duns 100.000 euros, e a reforma da planta baixa da Casa do Pobo, á que se destinarán outros 30.000.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade constrúe un novo parque infantil en Valongo
Por Redacción |
-
A parroquia de Valongo, en Cotobade, terá un novo parque infantil
Por Redacción |
-
Cubela presenta o proxecto do novo centro social de Tenorio
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade encarga un plan para reparar e mellorar a seguridade nos parques infantís
Por Redacción |