Denuncian que a concesionaria do servizo de lixo en Marín incumpre o contrato
Por Redacción
Dende as filas do BNG en Marín denuncian que a empresa concesionaria da recollida de lixo, Urbaser SA, está a incumprir o contrato asinado co Concello.
Desta forma, Pilar Branco sinala que non hai recollida noctura de lixo e o goberno local permite á empresa a recollida durante o día. Segundo a denuncia "a empresa aforra en salarios xa que as horas nocturnas deben pagarse máis caras" e sinala que, ademais, a empresa non cobre as baixas dos traballadores.
A situación agrávase, segundo o grupo da oposición, na zona do mercado de Abastos. Alí en lugar de adaptarse ao horario de peche, a empresa colocou colectores de carga lateral, máis grandes, que recollen a calquera hora. Segundo denuncia Piar Branco, "o PP págalle a outra empresa a recollida dos restos do peixe, cando este servizo teríao que facer Urbaser" e indica que esta situación tamén se reproduce nas parroquias onde os colectores non se recollen con frecuencia.
Nun comunicado, o BNG indica que a recollida de envases se realiza de forma caótica, de maneira que se mestura co lixo orgánico nos camións.
RECOLLIDA EN FESTIVOS
A queixa trasládase tamén ao incumprimento en días festivos: "Urbaser está obrigada a recoller o lixo de luns a sábado, coa excepcións dos festivos, a non ser que haxa dous seguidos, neste caso o lixo debe recollerse nun deles. Isto tampouco se cumpre, de aí a acumulación do lixo nas rúas do centro o pasado Nadal ou nos fins de semana".
Segundo indica Piar Branco, esta situación é consentida polo goberno local de María Ramallo e que a propia concelleira delegada, Mariam Sanmartín, admitiu na comisión que fora o goberno quen propuxo os cambios de horario e de colectores nunha reestruturación do servizo.
Nestes momentos, o equipo de Urbaser ten previsto iniciar unha folga o próximo 1 de xullo se non se chega a acordo na negociacións do convenio colectivo.