Descobren un prófugo tras aparcar mal o seu coche
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron un home de 27 anos de idade, con unha orde en vigor de detención e presentación dun xulgado de Vigo.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, os feitos tiveron lugar sobre as 7.30 horas do pasado 2 de febreiro, cando unha patrulla municipal tivo que desprazarse ata rúa Irmáns Sobrido Buhigas por un vehículo estacionado diante dun vao.
Cando os axentes chegan ao lugar observan un vehículo, modelo Mercedes C220, estacionado diante dun garaxe e impedindo a entrada e saída, polo que os axentes redactaron á denuncia e reclamaron os servizos do guindastre municipal para o seu traslado.
No momento no que o guindastre municipal estaba enganchado o Mercedes, acudiu unha persoa que se identificou como o propietario do vehículo. Este individuo non se atopaba en condicións de conducir, pero ao non presentarse ninguén e non abonar as taxas do enganche, procedeuse ao traslado do citado vehículo ao parque municipal.
Mentres, os axentes solicitaron a documentación do condutor, así como do seu acompañante, constando unha orde de detención e presentación por un xulgado de Vigo por un presunto delito contra a seguridade viaria, polo que se procedeu á súa detención e trasladado a dependencias policiais para a súa posta a disposición da xustiza.
Nunha revisión rutineira do vehículo, os axentes localizan, entre as pertenzas do seu acompañante unha pistola de aire comprimido lista para o seu uso, así como un bote de 1.500 perdigones de metal e unha navalla. Ao ser preguntado pola licenza para portar armas, esta persoa manifestou non tela polo que os axentes procederon á súa incautación e á tramitación de dúas denuncias administrativas ao regulamento de armas.