Condenan a dous anos e medio de prisión a unha parella de traficantes que vendían droga en Marín
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos e seis meses de prisión a un parella de traficantes que foron sorprendidos vendendo cocaína e heroína na rúa do Forno de Marín.
O caso resolveuse mediante un acordo de conformidade entre as partes.
Inicialmente a Fiscalía solicitaba para o home A.C.L. unha condena de cinco anos de prisión e multa de 5.500 euros; e para a muller M.P.G.D., unha pena de catro anos de cárcere e 3.500 euros.
Finalmente acordouse a rebaixa da pena a 2 anos e 6 meses. Para este home suprímese a suspensión da pena aplicada nunha sentenza anterior, xa que foi condenado no ano 2014 por esta mesma sección da Audiencia a dous anos de prisión por tráfico de drogas. Por tanto, este último fallo xudicial implicará a súa entrada en prisión.
No caso dela carece de antecedentes penais e se ten en conta a súa drogadicción.
En virtude do acordo decláranse feitos probados que os acusados utilizaron un vehículo que era propiedade dun terceiro para ocultar as substancias estupefacientes que logo vendían a diferentes compradores.
Cando os axentes da autoridade procederon ao rexistro de A.C.L. comisáronlle unha papelina no peto do pantalón. Por outra banda, no rexistro do coche descubriron diversas substancias estupefacientes escondidas en diversos compartimentos do vehículo e que tiña un valor no mercado ilícito de 1.900 euros.
A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.