Os hostaleiros da provincia xúntanse en Pontevedra para entregar os seus premios anuais
Por Redacción & Mónica Patxot
O Hotel Galicia Palace foi o escenario elixido este ano pola Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra e a Asociación de Empresarios de Hospedaxe para celebrar na tarde-noite deste luns a Gran Gala de Hostalería de Pontevedra.
Este encontro empresarial, que contou con preto de 200 asistentes, é unha cita anual que reúne a empresarios do sector, directivos de empresas colaboradoras, entidades financeiras, medios de comunicación e representantes de asociacións empresariais e da administración pública.
O evento, que foi presentado polo xornalista Tomás Alonso, contou entre outros coa asistencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; ou a concelleira de Promoción da cidade de Pontevedra, Anabel Gulías.
Durante o encontro, ademais de ser unha cita de confraternización, entregáronse os premios provinciais de hostalería que, a xuízo da asociación, merecían empresarios, empresas e personalidades que destacasen pola súa traxectoria durante o último ano.
Os premios ao compromiso á excelencia na calidade turística, a adaptabilidade e accesibilidade, o turismo sustentable, a promoción e difusión do lecer nocturno e a cultura gastronómica, foron as principais novidades nestes premios.
Sumáronse aos xa tradicionais premios á traxectoria profesional e empresarial, ao medio de comunicación, xornalista ou blogueiro comprometido coa difusión da cultura hostaleira, á institución ou persoa pública pola súa dedicación co sector, ao mellor cociñeiro, ao mellor barman ou á xestión empresarial.
O obxectivo do certame era aumentar o recoñecemento social do sector e mellorar o coñecemento e a cohesión entre os empresarios hostaleiros e os representantes das empresas colaboradoras e as autoridades da administración pública.