A Audiencia condena a once anos de cárcere un home por violación continuada á súa exparella
Por Oskar Viéitez
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a once anos de cárcere e a cinco de liberdade vixiada ao veciño de Ribadumia Juan Manuel L.M. como autor dun delito continuado de violación. Ademais este tribunal absólvelle de malos tratos habituais e do delito leve de inxurias.
As maxistradas da Sección Cuarta consideran probado que o acusado agrediu sexualmente á súa exparella entre mediados de agosto e finais de setembro de 2015.
O acusado e a vítima mantiveron unha relación análoga á conxugal durante máis de catro anos ata que se terminou o vínculo sentimental en agosto de 2015 aínda que seguían véndose xa que el tiña as chaves do domicilio da súa exparella en Cambados e durmía na súa casa case todos os días.
"Houbo repetidas agresións sexuais unha vez terminada a relación sentimental realizadas nun breve espazo temporal. O procesado obrigoulle a manter relacións sexuais unhas oito veces, ademais da ocorrida na furgoneta o día da denuncia", indican as maxistradas no seu fallo xudicial.
"Que a intimidación, mesmo, a violencia estiveron presentes, tampouco ofrece dúbida algunha ao Tribunal", segundo recóllese no texto da sentenza.
A Audiencia indica que o relato da vítima é "coherente e sen fisuras" e que permaneceu " inalterado ao longo do tempo" e no que "non se aprecian excesos".
Ademais, a súa versión dos feitos está corroborada polas mensaxes de WhatsApp que lle enviou o imputado, por fotografías de danos e desperfectos realizadas pola vítima e polos informes forenses das lesións que presentaba a denunciante.
No relato dos feitos probados descríbese como o acusado controlou e dominou de maneira constante á muller preguntándolle onde estaba, con quen, que ía facer e intimidándoa para que contestase.
Durante a vista oral o acusado asegurou ao tribunal que "el corrector mandaba palabras que no quería escribir" e recoñeceu que "a veces por ataques de celos ponía cosas que no debía" e agregou que "siempre le pedía perdón después".
O tribunal tamén lle impuxo ao sospeitoso o pago dunha indemnización de 25.000 euros e a prohibición de comunicarse por calquera medio e de aproximarse ao seu exparella durante 15 anos.