Pequenos apartamentos tutelados para envellecer como se estiveses na túa propia casa
Por Alejandro Espiño
Envellecer coma se estiveses na túa propia casa. ÿ o obxectivo da iniciativa Saraiva Senior que a empresa Sacendi, que conta actualmente con centros de día en Pontevedra e Marín, decidiu emprender e que foi seleccionado polo prestixioso programa Momentum Project, que organiza o BBVA, a escola ESADE e PwC. Trátase de apostar por un novo modelo de aloxamento para persoas dependentes.
Tras unha entrevista que mantiveron este luns co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, Ricardo Fra e Lucía Saborido, directores dos centros Saraiva, explicaron que este programa aproxima o coidado dos maiores e dos dependentes ao concepto nórdico do 'housing'. Buscarán un inmoble céntrico de Pontevedra que poidan reconverter en pequenos apartamentos para os usuarios.
Nestes apartamentos, habilitados para unha ou dúas persoas, os maiores poderían manter a súa autonomía e independencia persoal "nun espazo moi similar a un fogar tradicional", destacou Frá, levando unha vida completamente normal. O persoal de Saraiva, que ocuparía o baixo do edificio, atendería todas as súas necesidades, desde os coidados médicos e sanitarios ata cuestións máis cotiás como a cociña ou o seu aseo persoal.
Trátase, dixo Lucía Saborido, de integrar nun mesmo espazo toda a atención que Saraiva presta aos seus usuarios nos centros abertos actualmente. Este programa piloto que se porá en marcha en Pontevedra permitirá que os maiores estean rodeados dos seus efectos persoais, acompañados en todo momento dun grupo de profesionais que atendan as súas necesidades e nunha contorna aberta aos seus familiares en calquera momento.
Entre todas as cidades nas que, grazas ao apoio de Momentum Project, poderían decidir iniciar este proxecto piloto, escolleron Pontevedra "porque ademais de que somos de aquí e vivimos nela, é unha cidade accesible, urbana pero á vez moi rural, e moi participativa". Neste sentido, Ricardo Fra destacou que para un proxecto destas características, "Pontevedra é a cidade ideal".
Ademais sinalaron que esta especie de residencias de nova xeración teñen outra vantaxe competitiva cos centros tradicionais, que é o seu baixo custo, en contraste, explicaron, cos "prezos desorbitados" das residencias actuais. E todo iso sen perder de vista a súa aposta polas persoas e impulsando a "socialización da dependencia". ÿ dicir, segundo Lucía Saborido "que todos vexan os centros de día como un sitio agradable no que estar".
Ambos apuntaron que esperan que este proxecto Saraiva Senior sexa unha realidade en 2014. Para iso están buscando xa un inmoble que se acomode ás súas necesidades "aínda que teñamos que facer obras para adaptalo". Axudará tamén a crear emprego, principalmente feminino, xa que cada unha destas residencias contaría, segundo os plans iniciais, con máis dunha vintena de profesionais.