A danza tamén é un arte para homes
Por Redacción
Loitar contra un estigma social lamentablemente estendido. Que a danza é para mulleres. Con ese obxectivo nace un programa titulado "Homes en Danza", que impulsa o Ballet de Galicia xunto co bailarín e coreógrafo profesional Diego Landín.
Trátase dunha iniciativa destinada a achegar a danza clásica a nenos a partir dos 7 anos mediante unha serie de adestramentos gratuítos.
Todas as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a formacion@balletdegalicia.com, antes do 8 de febreiro.
A selección dos nenos farase en relación ao resultado dunha pequena proba, onde se terán en conta as aptitudes e a actitude dos futuros alumnos.
Os adestramentos levaranse a cabo en Marín grazas ao apoio do Concello e do club In Mare de ximnasia rítmica.
Con este tipo de programas trátase de reverter a situación actual dos homes na danza, onde moi poucos conseguen desenvolver unha carreira profesional, en parte por un adestramento incorrecto do corpo e polos prexuízos que sofren os bailaríns.
Así, Diego Landín propón crear un espazo profesional e libre de prexuízos, onde os homes van poder descubrir que é a danza clásica e como se deben adestrar.