O PP de Ponte Caldelas reclama o arranxo do céspede do campo de Chan da Barcia
Por Redacción
O estado do céspede do campo de Chan da Barcia está a provocar, segundo o PP de Ponte Caldelas, un "preocupante" número de lesións musculares entre os seus usuarios, moitos deles nenos e nenas de curta idade.
De aí que o candidato popular, Antón Xil, reclame ao Concello que "cumpra as súas promesas" e inste ao goberno "amigo" da Deputación a facilitar o orzamento necesario para esta actuación, que cifra nuns 150.000 euros.
Para o candidato popular a demora en executar esta obra obedece á "incapacidade como xestor e gobernante" do actual alcalde.
Neste momento usan o campo de fútbol municipal de Chan da Barcia, inaugurado no verán do ano 2006, máis de 150 rapaces e rapazas pertencentes á escola de fútbol do Pontecaldelas así como o equipo senior, o feminino e dous de veteranos.
A eles súmanse usuarios ocasionais das instalacións e os equipos que cada fin de semana se dan cita no campo de diversas categorías que van desde o prebenxamín ata xuvenís.