María Ramallo cre que Marín debe impulsar canto antes un aparcamento soterrado
Por Redacción
Dúas zonas estratéxicas para Marín poderían albergar un aparcadoiro subterráneo: o espazo portuario ou o parque Eguren. Así o recollen os estudos de viabilidade encargados polo Concello. Trátase dun equipamento "necesario", segundo María Ramallo. A actual alcaldesa entende que, ao longo do próximo mandato, deberá tomarse unha decisión.
As primeiras análises indican, segundo Ramallo, que o espazo portuario ten a súa complexidade por situarse sobre unha zona de recheo. O estudo propón varias alternativas, algunhas das cales limitaba a capacidade a unha soa planta o que supoñería que o Concello tivese que realizar unha achega económica para que a súa explotación fose viable.
Esta opción, engade a alcaldesa de Marín, permitiría liberar unha boa parte da zona de coches, posibilitar o paseo de unión co Paseo Alcalde Branco e mellorar esa conexión cara ao mar. Con todo, a actual zona de aparcadoiro gratuíto veríase limitada.
Pola súa banda, o estudo relativo ao parque Eguren está a realizar unha análise topográfico e geotécnico do terreo, para determinar a superficie que podería ter este aparcadoiro, o espazo que se utilizaría, os custos de construción e a viabilidade dos sotos propostos.
Con respecto ao parque, a líder do PP defende melloralo, manter o espazo para actuacións que permite consolidar concertos e espectáculos ao aire libre e utilizarse durante moitos días ao ano desde o aspecto infantil e deportivo.
María Ramallo entende que Marín está ante un "mellor momento económico" para tomar unha decisión e axustar as "expectativas" de número de prazas e custo do aparcadoiro, renunciando a "vellos castelos no aire".
"É evidente que poucas cidades hai do noso tamaño que non teñen un aparcadoiro regulado, por tempo e de pago", sinala Ramallo, que defende situar estas instalacións en zonas "moi céntricas", que é onde existe carencia de prazas de estacionamento.
Ademais, a alcaldesa abre a porta para regular o aparcadoiro en superficie nas zonas máis comerciais ou onde existan edificios administrativos ou sociosanitarios, para buscar unha maior rotación entre os vehículos fundamentalmente en horario de mañá
Nestas áreas, engade a responsable do PP, haberá que discutir se será necesario pagar algo, cun sistema tipo hora, ou unha zona azul gratuíta regulada por un tempo máximo de estacionamento, para o que habería que modificar varias ordenanzas municipais.
Relacionadas:
-
Avanza a tramitación do proxecto para o futuro aparcadoiro subterráneo do Parque Eguren
Por Redacción |
-
Unha enquisa anónima axudará a definir o Plan de Mobilidade da vila
Por Redacción |
-
Así será o futuro Paseo Alcalde Blanco cun maior espazo para zonas verdes
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE propón impulsar unha 'Zona Comercio' para reducir os problemas de aparcamento en Marín
Por Redacción |
-
Uns particulares ceden ao Concello o uso dunha parcela para aparcadoiro
Por Redacción |
-
Marín chega a acordos con donos de terreos para crear aparcadoiros durante as obras na avenida de Ourense
Por Redacción |