Moraña renovará servizos no colexio Santa Lucía e na antiga escola de Santa Xusta
Por Redacción
A través de dúas subvencións que solicitará á Xunta de Galicia, o goberno municipal de Moraña prevé investir 87.500 euros na renovación de servizos no colexio Santa Lucía e na antiga escola de Santa Xusta. Ambas actuacións realizaranse este mesmo ano.
En concreto, destinaranse 47.800 euros á renovación dos baños de Santa Lucía e case 37.600 euros a dotar ao inmoble de Santa Xusta dun sistema completo de calefacción.
Con esta rede de calefacción preténdese completar a instalación deste servizo despois de que recentemente se colocara, co financiamento da Xunta, a caldeira de biomasa.
A antiga escola de Santa Xusta ten na actualidade un uso expositivo e tamén social, xa que adoita acoller eventos e actividades -o máis recente foi a festa de Fin de Ano da terceira idade-, pero hai que dotalo de calefacción para que poida ser máis empregado no inverno.
Por outra banda, a segunda actuación de mellora dos servizos públicos oriéntase á renovación integral de todos os cuartos de baños do colexio de Santa Lucía, que é o único que falla para a modernización completa do centro despois de que a Consellería de Educación investira 550.000 euros na súa rehabilitación enerxética e funcional.
O acondicionamento dos aseos quedou excluído deste gran proxecto porque se trata dunha obra corrente que quedaba fóra da finalidade deste investimento.