Unha reinterpretación da bullabesa marsellesa triunfa no Caldelas Tapas
Por Redacción
O albergue Jamarte e a súa aposta pola cociña internacional foi o gañador do certame gastronómico Caldelas Tapas. O seu "Cesto marinero" gañou os respectos do xurado, composto polo cociñeiro Pepe Vieira e a reposteira Conchi Amoedo.
O equipo do Jamarte está encabezado polo cociñeiro francés Philippe Copin e conta tamén coa arxentina Pilar Araújo, o alemán Nimo Fahlbuch, a holandesa Toni Hermans e o español Boel Copin. Todos eles participaron coas súas achegas a partir dunha tapa que partiu dunha reinterpretación da famosa salsa de peixe de Marsella, a bullabesa.
Philippe Copin destacou que a partir desa idea foron perfeccionando unha salsa "óxido" parecida ao alioli, buscaron un toque crocante fritindo tagliatelli previamente cocido en auga de mariscos e configuraron unha tapa da que venderon máis dun milleiro de unidades.
O equipo de cociñeiros subliñou que o segredo está en partir dun concepto de cociña tradicional e levalo a un formato distinto, sen esquecer tampouco o gusto galego, no que o produto sempre debe ser protagonista, por enriba da elaboración.
O alcalde, Andrés Díaz, acompañado dos concelleiros Pilar Couto, José Manuel Martínez e Lito Muíños, entregaron aos autores unha escultura do pescador e o diploma acreditativo de vencedores no concurso.
O Caldelas Tapas contou este ano coa participación de once locais, que ao longo das noites de venres do mes de decembro conseguiron vender algo máis de 5.000 tapas, mantendo así o gran nivel de aceptación que esta iniciativa gastronómica acadou en Ponte Caldelas.
O concurso gastronómico caldelán volverá, xa no formato de verán, durante as noites de venres do próximo mes de xullo.