Cerdedo habilitará unha pista polideportiva anexa ao colexio
Por Redacción
A actual cancha de xogo situada ao carón do colexio público San Xoán Bautista, en Cerdedo, será reconvertida nunha pista polideportiva. O goberno municipal adxudicou estes traballos á empresa Sergonsa Servicios por un importe de 72.300 euros, o que supón unha baixa de case 30.000 euros sobre o orzamento de licitación.
As obras consistirán na mellora xeral do pavimento, que na actualidade atópase bastante deteriorado. Para iso, esparexerase un pavimento base de seis centímetros nos 1.116 metros cadrados de superficie do recinto e posteriormente procederase ao marcado e pintado das liñas de xogo dos distintos deportes.
Tamén se instalará céspede artificial de 12 milímetros e prepararase o acceso en formigón nunha senda de sesenta metros de longo e seis de anchura.
Ademais, construirase un novo peche perimetral cunha estrutura metálica formada por marcos rectangulares que incluirá unha porta de entrada e subministraranse elementos de xogo, como canastras de baloncesto e porterías de fútbol-sala e balonmán, todas elas coas correspondentes medidas regulamentarias.
O proxecto inclúe a colocación de tres bancos de madeira tratada en autoclave, para poder descansar ou ver os distintos encontros, e dúas papeleiras con cuba de aceiro e revestidas de madeira tratada que terán 75 litros de capacidade.
As obras comezarán de inmediato, tan pronto como se produzan a sinatura do contrato e a acta de replanteo, e se prolongarán por espazo aproximado de dous meses.