Búscanse segundas oportunidades para adolescentes con dificultades e medidas xudiciais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Poñamos que falamos dun adolescente que ten unha situación complicada na casa. Poñamos que un día o ciclo de violencia no que leva anos metido o leva a cometer un delito. Poñamos que se lle atribúe unha grave infracción pola que acaba no xulgado. Poñamos que un xuíz lle impón unha medida xudicial que supón, en cumprimento da Lei do Menor, a convivencia cunha persoa ou familia distinta da súa. Poñamos que eses seis, nove ou doce meses que pasa no novo contexto o fan reaccionar e asumir que a violencia nunca é a solución. Poñamos que regresa á súa contorna familiar, pero xa para comezar unha nova vida.
Poñamos agora que falamos dunha persoa ou familia que está sensibilizada coa dura etapa de crecemento da adolescencia. Poñamos que está disposta a convivir cun adolescente coa obriga de cumprir unha medida xudicial. Poñamos que ten dispoñibilidade para encarar a súa reeducación. Poñamos que ten na casa un ambiente positivo e socializador. Poñamos que esa persoa ou familia non busca ter un fillo ou exercer de pai, só compartir a súa casa de xeito temporal con alguén a quen axudar e formar para a vida adulta.
Esas segundas oportunidades son posibles e en Pontevedra veñen desde abril de 2018 da man da asociación Arela e o programa Convive.comigo. En Pontevedra e tamén na Coruña, provincia na que un ano antes esta entidade social e a Xunta de Galicia puxeron en marcha o proxecto de xeito experimental. Agora, con máis dun ano de rodaxe na comunidade, xa poden empezar a falar das primeiras experiencias satisfactorias.
Se xuntamos o adolescente das primeiras liñas e a persoa adulta ou familia das seguintes, atopamos a ecuación perfecta para Convive.conmigo, que busca familias que estean dispostas a axudar a eses adolescentes a lograr esa segunda oportunidade de chegar á vida adulta nun ambiente proclive para unha existencia normalizada, convivencia en sociedade e libre de violencia.
Unha das responsables do programa en Pontevedra é Eva Piñeiro, educadora de Arela que, xunto co resto do equipo, se adica a captar, valorar, formar e facer seguimento desas persoas ou familias. Non falará de casos concretos de adolescentes nin de familias acolledoras pola intimidade e discreción esixida para que estes programas cheguen a bo porto, pero si se amosa convencida do seu "potencial importante".
Destaca tamén que a posta en marcha de Convive.comigo abriu a posibilidade de cumprir esas medidas xudiciais de convivencia con persoa, familia ou grupo familiar que recolle a Lei do Menor, pero que non se podían aplicar en Galicia. Os centros de protección que ten a administración son útiles para o cumprimento de determinadas medidas xudiciais, pero non sempre para acadar a reinserción de determinado perfil de menores.
Este programa ofrece ao adolescente con dificultades "un proceso de educación natural que é importante", que lle pode facilitar novos hábitos de convivencia e socialización que marquen a diferencia para o seu futuro. "Probablemente estes hábitos os van usar en futuras convivencias como adultos", sostén Eva Piñeiro, que explica que "a idea é que iso que aprenden o poidan levar para a casa e aplicalo". Suporá un cambio na súa convivencia coa súa familia ao regresar á casa, pero tamén ten moito potencial de cara a futuras convivencias e, por que non dicilo, para desactivar futuros maltratadores adultos.
Poderíase pensar que existe un perfil de adolescente que chegue a atoparse nesta situación, pero Eva prefire atallar eses tópicos: "non hai un perfil". Aínda que se dan excepcións con outros delitos, habitualmente os xuíces poñen esta medida a menores condenados por violencia no ámbito familiar, que polas circunstancias máis variadas acabaron optando pola violencia como xeito de relación cos seus pais ou calquera persoa coa que conviven.
A súa actitude é totalmente reprobable, pero con este programa "non se trata de buscar culpables, senón de poñer solucións", por iso é polo que apostan por darlles a coñecer un ambiente familiar diferente. Pasar por un programa xudicial destas características, "xa é duro, pasar polo proceso xa é unha aprendizaxe" e "pasar un tempo fóra da contorna familiar e convivir con outras persoas" supón o empuxón que queda para tomar perspectiva e afrontar a vida con outra actitude. Para os adolescentes e tamén para as súas familias de orixe, pois "aos pais tamén lles ven ben poñer distancia, coller perspectiva" para saír dese ciclo de violencia. Durante todo o proceso, o menor non perderá o contacto coa súa familia.
Desde Arela gardan a confidencialidade dos adolescentes e dos acolledores e non facilitan nin datos exactos dos casos que teñen agora en marcha, pero si indican que "non hai moitos casos", pois " non todos os rapaces valen para este programa". Nin tampouco todas as familias para acoller. Os requisitos mínimos son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade.
Non moitos os cumpren, pero ademais valórase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia ou formación de carácter xurídico. En todo caso, Arela dálles formación grupal e individual e asesoramento e durante todo o tempo que dura o proceso ofrece acompañamento de profesionais.
Ademais, desde Arela lembran que "é un programa que hai que analizar moito e poñer en pouso, reflexionar". Adoitan sumarse persoas de entre 30 e 55 anos, a metade en familia e a outra metade de xeito individual e coa característica común de estar dispostos a un esforzo. A cambio, recibirán un financiamento durante os meses que permanezan co adolescente.
Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico convive@arela.org .
Relacionadas:
-
Dúas familias marinenses interésanse no programa de acollemento de adolescentes que cumpren medidas xudiciais
Por Redacción |
-
Pontevedra súmase ao programa de Arela para buscar familias de acollemento para adolescentes
Por Redacción |
-
Buscan fogares de acollida en Pontevedra para adolescentes con medidas xudiciais por malos tratos
Por Redacción |
-
Buscan en Marín persoas e familias dispostas a convivir con adolescentes que cumpren medidas xudiciais
Por Redacción |