O GALP Ría de Pontevedra investirá preto de 2,5 millóns de euros en proxectos para dinamizar o litoral
Por Redacción
Preto de dous millóns e medio de euros é o importe do que dispoñerá ata o ano 2021 o GALP Ría de Pontevedra para financiar proxectos que dinamicen o litoral costeiro.
Os importes divídense entre os proxectos de empresa aos que se dedicarán preto de dous millóns de euros en tres anualidades e os proxectos non produtivos aos que se destinará un importe de aproximado de 425.000 euros, segundo informou o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro.
Para informar sobre esta convocatoria e resolver posibles dúbidas, o GALP presentou este venres no Concello de Marín un servizo de asesoramento para atender aos promotores.
Este servizo concentrarase nunhas xornadas para realizar nos diferentes municipios da zona. Así, o 7 de febreiro será a quenda de Sanxenxo e Portonovo, o 12 en Marín, o 13 en Pontevedra e Poio e o día 14 de febreiro en Bueu.
Nestes encontros informarase aos interesados das tipoloxía de proxectos e obxectivos que teñen encaixe na convocatoria.
As axudas poderán conseguir ata o 50 % do investimento, que pode chegar ata o 80% naqueles proxectos vinculados á pesca costeira artesanal. No caso dos proxectos non produtivos con finalidades non económicas, que cumpran determinados requisitos, a intensidade da axuda pode conseguir o 100 % de subvención.
O GALP Ría de Pontevedra leva xestionando este programa de axudas desde o ano 2016. Neste período un total de trinta e un proxectos recibiron financiamento por un importe total de algo máis de 1.800.000 euros.