A igrexa de Cosoirado estrea unha nova praza
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de rematar o proxecto de posta en valor integral e humanización, cun acceso de lousas de pedra, da praza da igrexa parroquial de Santa María de Cosoirado, cuxo resultado final foi visitado este venres pola alcaldesa e o tenente de alcalde, Luisa Piñeiro e José Cela.
Esta actuación, que contou cun orzamento de 20.000 euros e foi executada por unha empresa local, estaba concibida para embelecer esta contorna e dotar de máis seguridade ao irregular acceso ao templo, polo que se centrou na mellora da pavimentación, respectando o valor patrimonial da zona, con tres tipoloxías de materiais segundo cada espazo.
A posta en valor desta zona completarase coa dotación de mobiliario urbano, con dous bancos de madeira, e outros elementos embelecedores.
Tras a visita, Luisa Piñeiro amosou a súa satisfacción polo "bo resultado" deste investimento de mellora patrimonial e anunciou que Cosoirado beneficiarase en próximas datas doutra reforma similar coa humanización dunha eira que presenta forma de praza e que se atopa nas inmediacións do conxunto da igrexa parroquial, mellorando deste xeito toda a súa zona central.