A Garda Civil denuncia un condutor multirreincidente que tiña o carné retirado ata 2021
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra mantén como investigado un veciño de Moraña que foi cualificado como condutor multirreincidente polos múltiples delitos contra a seguridade viaria polos que xa foi denunciado. Nesta ocasión, foi interceptado na súa propia localidade cando conducía a pesar de ter o permiso retirado por sentenza xudicial firme ata agosto de 2021.
Efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil pertencentes ao destacamento de Pontevedra sorprendérono na tarde do martes 29 de xaneiro na estrada comarcal PO 221 (Caldas-Campo Lameiro), ao seu paso polo termo municipal de Moraña.
Tras localizalo conducindo co permiso retirado, notificóuselle que está investigado -antiga figura do imputado- por un delito contra a seguridade viaria polo que lle pode caer pena de prisión de 3 a 6 meses. Esa condena mesmo pode ser superior se se ten en conta a circunstancia agravante de reincidencia, xa que nos últimos seis meses acumula varias condenas xudiciais firmes por tres delitos contra a seguridade viaria, dúas delas por superar a taxa de alcol de 0.60 miligramos por litro de aire expirado e outra por conducir sendo privado deste dereito.
Sen prexuízo de que o control dos condutores multirreincidentes é unha das misións prioritarias de todas as patrullas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, o Sector de Tráfico de Galicia impulsou a creación de equipos específicos de vixilancia deste tipo de condutores polo potencial risco que supoñen para a seguridade viaria.
O Subsector de Tráfico de Pontevedra implementou no ano 2016 un equipo encargado de xestionar información sobre aqueles condutores que perdesen todos os puntos do seu permiso de condución e de todos aqueles que fosen privados do dereito para conducir en virtude de resolucións xudiciais ou que por razóns médicas perdesen a vixencia do seu permiso. Este equipo xestiona tamén analiza a información sobre condutores que foron denunciados de forma reiterada por infraccións moi graves á normativa de tráfico e seguridade viario.
O obxectivo que se persegue no seguimento especial que se realiza sobre estes condutores multirreincidentes é tratar de retirar a estas persoas das vías de circulación, tendo en conta que supoñen un grave problema de seguridade viaria para elas, para os demais condutores e outros usuarios, ademais de velar polo cumprimento e eficacia das resolucións xudiciais.