Queixas pola falta de iluminación pública en rúas de San Salvador de Poio
Por Redacción
A veciñanza da Rúa Palestina, Rúa Oliveira e da contorna de Andurique expresaron a súa preocupación ante a falta de iluminación en toda esta zona. A Plataforma de San Salvador de Poio recolleu estas queixas e reclama ao goberno local que "se tome en serio" este problema.
Os afectados indican que levan máis de ano e medio sufrindo deficiencias na iluminación desta contorna. Denuncian que as rúas se atopan completamente ás escuras durante horas co consecuente perigo para viandantes, locais e vehículos.
Afirman que esta situación está a provocar problemas de seguridade cidadá xa que detectaron pelexas, roubos e movemento de drogas en toda esta zona. Ameazan con acudir aos tribunais e demandar o Concello de Poio como responsables desta situación porque comprobaron que, ata o momento, non se lles ofrece unha solución a pesar de que o goberno local afirma estar a traballar para atopar o problema e solucionalo en breve prazo.
Desde a Plataforma San Salvador pregúntanse se o alcalde Luciano Sobral quere converter estas rúas nunha zona marxinal a teor das situacións de risco.