O servizo de Farmacia Hospitalaria de Pontevedra e O Salnés, premio en seguridade do paciente
Por Redacción
O Servizo de Farmacia Hospitalaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibiu o primeiro premio FiDISP en seguridade do paciente polo programa AIR Farmacia. Trátase dun proxecto que desenvolveu a dirección da Unidade de calidade neste servizo centrado na investigación na xestión de riscos sanitarios.
Integrantes da directiva dos Hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés acudían este xoves a Madrid para recoller o galardón por un traballo en que se deseña unha estratexia de márketing, con ferramentas motivacionais e de formación para identificar os riscos sanitarios.
O programa AIR Farmacia promove a participación de todos os profesionais na identificación proactiva de riscos e a súa fórmula foi un éxito xa que participou un 70% do persoal, coa intervención de administrativos e directivos da área sanitaria. Identificábanse a través deste programa un total de 36 riscos e cunha aceptación próxima á excelencia.
Para a súa posta en marcha utilizouse unha simboloxía similar á empregada nos aeroportos, cunha tarxeta de embarque que se converte nunha tarxeta de identificación con polo menos tres riscos con opcións de mellora.
Segundo informan desde o Complexo Hospitalario de Pontevedra e O Salnés, este servizo tamén lidera en España un proxecto de elaboración de fármacos para enfermidades raras.