Alertan de que o xulgado de familia de Pontevedra está "ao borde do colapso"
Por Oskar Viéitez
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT vén de denunciar que o Xulgado de Familia de Pontevedra está "ao borde do colapso" e lembra que os procedementos que leva afectan directamente a menores e incapaces.
Segundo explica Pablo Valeiras, portavoz de AXG-CUT, a Xunta de Galicia "en vez de poñer medidas correctoras e preventivas para evitar o actual colapso o que fixo foi mirar para outra parte".
A día de hoxe relata que a situación é de decenas de demandas presentadas que están sen incoar, hai 900 demandas en trámite e 423 execucións (divorcios, incapacidades, adopcións, internamentos, modificacións de medidas, entre outros asuntos). Ademais, engade que "é moi complicado por non dicir imposible" o seguimento e control dos internamentos psiquiátricos (ao redor de 200 nestes momentos).
Di que a carga de traballo do Xulgado de Familia de Pontevedra está un 30% por riba do que marcan os módulos fixados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza que é de 1.323 asuntos.
Alternativas na Xustiza-CUT sostén que o traballo acumulado durante os tres meses da folga na administración de xustiza galega "segue sen resolverse como consecuencia do patético plan de recuperación aprobado polo conselleiro Alfonso Rueda".
"É unha demostración clara da prepotencia e a falta de interese por parte do vicepresidente polo bo funcionamento da administración de xustiza e, sobre todo, polos administrados", afirman.
Finalmente este sindicato considera "imprescindible" que a Xunta de Galicia nomee "de maneira inmediata" un traballador de reforzo do corpo de tramitación e a cobertura "urxente" das prazas sen cubrir no xulgado.