O PP pide no pleno da Deputación que Carmela Silva explique o suposto "enchufe" da súa cuñada
Por Oskar Viéitez
No Pleno da Deputación de Pontevedra celebrado este xoves a portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Elena Muñoz, dirixiu unha pregunta á presidenta da institución, Carmela Silva para que dea "explicaciones políticas por el escándalo que se está juzgando sobre la supuesta contratación irregular de una familiar directa suya".
A intervención de Elena Muñoz tivo lugar durante a quenda de "rogos e preguntas" na parte final da sesión plenaria.
Non respondeu directamente Carmela Silva senón que foi o portavoz socialista Carlos López Font quen dixo que "le contestaremos donde haya que contestar" e engadiu que "enfangarse en el lodo se lo dejamos para ustedes y para quien ideó esta estrategia que son el señor Rueda y el señor Feijóo".
Elena Muñoz reprochou este argumento tachándoo de "machista".
BOLSEIROS
Na orde do día deste pleno extraordinario (en substitución da sesión ordinaria de xaneiro) figuraba como tema central unha moción presentada polo Partido Popular na que solicitaban a convocatoria dun Plan de Práctica Laboral de 1.200 bolsas en empresas e entidades destinado a mozos recentemente titulados.
O portavoz do grupo provincial do PP, Ángel Moldes chegou a acusar o goberno bipartito de ser "o principal inimigo da mocidade da provincia de Pontevedra".
A moción dos populares foi rexeitada polo PSdeG, o BNG e o deputado da Coalición SON que votaron en contra da moción tras asegurar que o Goberno provincial ten previsto que unha vez que conclúa a edición actual, arrincará "O teu primeiro emprego", un novo programa de formación e fomento do emprego entre a mocidade.
Segundo defendeu o deputado socialista, Carlos López Font, esta iniciativa "supondrá un cambio rotundo de modelo en consonancia con el Plan Director por un Trabajo Digno 2018-2020, aprobado en julio de 2018 por el Gobierno de España" o que supoñerá "más y mejores garantías y derechos".
Entre outros cambios, segundo adiantou, o novo modelo permitirá que as prácticas computen como experiencia profesional e figuren na vida laboral e tamén apuntou que as persoas beneficiarias percibirán o 60 % do salario, segundo o convenio colectivo de cada sector.
Pola súa banda o vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera incidiu en que o Plan de Práctica Laboral foi herdado do goberno de Rafael Louzán pero "agora as circunstancias son distintas" o que obriga a "reformular seriamente a situación actual" polo que criticou ao PP por "presentar mocións sen ningún rigor".
PRORROGA DO PLAN DE REEQUILIBRIO
O Pleno da Deputación de Pontevedra acordou prorrogar o prazo de execución e xustificación das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares en concellos de menos de 20.000 habitantes, o coñecido como Plan de reequilibrio territorial.
A Deputación destina 18 millóns de euros a este plan para financiar obras singulares que xa estean avanzadas e ás que a institución provincial achega un máximo de 1,5 millóns de euros por municipio.
Relacionadas:
-
O PP pide a dimisión de Carmela Silva de todos os seus cargos "por responsabilidade política, por ética e por dignidade"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP leva ao pleno municipal o caso da cuñada de Carmela Silva
Por Anxo Lourido |
-
Os populares piden ao BNG que esixa a dimisión de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva denuncia a "estratexia de difamación" ideada polo PP
Por Oskar Viéitez |
-
O PP leva á Deputación o suposto "enchufe" da cuñada da presidenta
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación rexeita entregar ao PP a acta da inspección laboral aos bolseiros por confidencialidade
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. anima os bolseiros da Deputación a demandar canto antes por irregularidades no contrato de prácticas
Por Anxo Lourido |