Confirman a pena de dous anos de cárcere para un ancián que bicou e tocou a cadeira a unha nena
Por Redacción
Non houbo rebaixa. Dous anos de cárcere. É a condena que deberá cumprir un home 76 anos que bicou e tocou a cadeira a unha nena de tan só 12 na Lama.
Así o ratificou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestimou o recurso presentado polo acusado contra a sentenza da Audiencia de Pontevedra.
Pretendía que os feitos fosen cualificados como un delito de coacción leve, argumento que rexeitou o tribunal ao considerar "acreditados" os abusos sexuais.
A sentenza relata que o home, en maio de 2017, abordou á nena no baño de mulleres dun bar da Lama, bicouna dúas veces na boca e tocoulle as cadeiras. Antes de marchar deulle diñeiro e pediulle que non dixese nada a ninguén.
A pesar de que, segundo o TSXG, o tocamento na cadeira foi "rápido e fugaz ", o acusado actuou, engaden os maxistrados, cun "ánimo lúbrico obvio" que vai "máis aló" dunha mera intromisión na intimidade da menor.
Ademais, sosteñen que é "moi discutible" que esta clase de intromisións "poidan ter outra finalidade".
O tribunal tamén sinala que aínda que a "entidade física" do tocamento "non foi intensa", si o foi a do bico, lembrado que a vítima era unha nena cuxa "indemnidade sexual" é un ben xurídico protexido pola lexislación.