Os roubos en vivendas volven a valores normais tras un repunte en 2018 atribuído en gran parte a bandas organizadas
Por Natalia Puga
Pontevedra terminou 2018 e empezou 2019 cun regreso á normalidade en canto ás estatísticas policiais e, en especial, no relativo aos roubos en domicilios. Os casos repuntaran no verán de 2018, subindo a valores pouco habituais na provincia e chegando a xerar gran alarma social e preocupación nas Forzas de Seguridade. Con todo, xa pode falarse do fin deste pico.
A comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma, explicou este mércores que o mes de xaneiro empezou "ben" no relativo a este tipo de delitos, confirmando a tendencia xa detectada na recta final de 2018. A pesar de que o final do ano pasado se contivo aquel repunte do verán, as estatísticas anuais finais reflicten un incremento desta modlidad delituosa porque "ya venía del verano y los números no se podían levantar".
Segundo a súa explicación, a maior cantidade de roubos concentrouse no verán na área de Vigo e Redondela, pero logrou remontarse tras varias operacións policiais, unha delas coordinada entre a Policía Nacional e a Garda Civil que logrou desarticular un grupo organizado de orixe xeorxiana e outra só da Policía Nacional contra unha banda albanokosovar. Esa delincuencia organizada e itinerante estivera detrás do repunte, aínda que tamén houbo detencións de cidadáns que roubaban en vivendas individuamente.
"Esperamos que este año la tendencia cambie", explicou a comisaria Palma en declaracións aos medios de comunicación tras participar na xunta provincial de seguridade presidida este mércores pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
A reunión contou tamén coa presenza do tenente coronel da Garda Civil, José Manuel Touceda, e do comisario xefe de Operacións da Policía Nacional en Vigo, Carlos Valcárcel e, segundo explicou a subdelegada, serviu para analizar os datos de criminalidade de 2018 e a súa singularidade por zonas da provincia.
Nos grandes núcleos de poboación e a área de influencia da Policía Nacional, houbo un incremento, pasando de 14.552 delitos en 2017 a 15.720 en 2018, mentres que no rural e na zona de traballo da Garda Civil produciuse un descenso de case 3,5 puntos en actos delituosos.
Os responsables policiais atribúen este aumento dos delitos nas áreas urbanas ao "incremento importante de las nuevas", en especial das estafas cometidas a través de Internet. De feito, en 2018 neste tipo de delitos produciuse un subida do 115% dos delitos graves e do 150% nos menos graves, isto é, os que afectan a cantidades inferiores a 400 euros. Ese incremento non se deu nas áreas da Garda Civil porque, segundo Maica Larriba, "la poboación es un poco más envejecida y menos usuaria de internet".
A pesar de que se dispararon estes delitos por Internet, sobre os que xa se mostrou preocupación na recta final de 2018, no resto das modalidades delituosas as cifras son "muy buenas" e alcanzouse un índice de esclarecemento do 55 por cento, dez puntos máis que a cifra a nivel nacional.
Relacionadas:
-
Preocupa o aumento de roubos a comercios e das estafas pola internet en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Garda Civil cifra en 400.000 euros a fraude no control da extracción de ameixas nos bancos marisqueiros
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- O cidadán alemán detido en Poio, sospeitoso dunha estafa piramidal de 12 millóns de euros a 76 vítimas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
"A min preocúpame o cidadán de Pontevedra, o seu roubo en vivenda, que non lle saquen a navalla na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As autoridades, preocupadas polo incremento en Pontevedra das estafas pola Internet
Por Redacción |