Convocada a segunda edición do Premio Honorífico á Traxectoria das Mulleres
Por Redacción
O Centro de Información ás Mulleres (CIM), da concellería de Servizos Sociais do Concello de Sanxenxo, entregará por segundo ano o Premio Honorífico á Traxectoria das Mulleres.
Para poder optar a este premio será necesario cumprir o requisito de nacer, ter residido ou estar a residir en Sanxenxo e as candidaturas poderán ser presentadas por iniciativa propia, a iniciativa de terceiras persoas ou a proposta dalgún dos membros do xurado.
As bases do premio serán publicadas na páxina web do Concello e abrirase un prazo, que se estenderá desde o 8 de febreiro ata o 22 de febreiro, para poder presentar as candidaturas. As propostas entregaranse no rexistro xeral do Concello, de luns a venres de 9 a 14 horas, e irán acompañadas dunha breve exposición, con datos suficientes para poder recoñecer dita candidatura.
Silvia Freire, concelleira de Servizos Sociais, destaca que "con este premio queremos recoñecer a implicación e o compromiso das mulleres a favor da igualdade de oportunidades, co obxectivo de dar a coñecer o labor que realizan e o seu traballo na procura da igualdade real".
A concelleira anima tamén a que "todas aquelas persoas que coñezan a alguén que mereza este recoñecemento" a que colaboren na presentación das candidaturas.