Ponte Caldelas activa un 'comando fochancas' para reparar os camiños rurais
Por Redacción
Amañar as fochancas dos camiños do rural do municipio. É o obxectivo do operativo que vén de poñer en marcha o Concello de Ponte Caldelas. Centrarase naquelas vías que poden agardar ata ao seu asfaltado integral nos próximos anos.
As máquinas comezaron esta semana a traballar na parroquia de Xustáns, onde xa se repasou o camiño principal de Aluncía, o do Sobreiro e tamén o da igrexa e a casa do pobo. Nos últimos días repasouse tamén a entrada ao camiño do Verdugo, que presentaba importantes irregularidades no firme, e estanse corrixindo as detectadas na zona de Parada.
O operativo municipal inclúe tamén a reparación das fochancas da práctica totalidade do municipio, pero prestarán especial atención ás fochas existentes nas zonas de A Quintán, Chaín, Taboadelo e A Reigosa.
As reparacións realízanse con asfalto en quente, con compactado e acabado con grava na superficie. O obxectivo é que as reparacións poidan perdurar o tempo suficiente ata que, progresivamente, vaia acometéndose o asfaltado completo destas vías.
O equipo de goberno confía en poder rematar as reparacións nun par de semanas, pero anticipa que os traballos dependerán fundamentalmente do tempo que faga, pois a choiva impide o traballo das máquinas.
Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas está nestes días pechando a adxudicación definitivas dos lotes nos que quedaron subdivididos os dous grandes contratos de asfaltados integrais no rural, valorados conxuntamente en máis de 400.000 euros.
En total vaise actuar sobre 22 camiños, abranguendo unha superficie duns 17 quilómetros que dan acceso a ducias de vivendas.