Moraña acada unha rede continuada de beirarrúas de 4,5 quilómetros
Por Redacción
O Concello de Moraña xa conta cunha rede continuada de beirarrúas de 4,5 quilómetros de lonxitude, que atravesa practicamente todo o municipio de norte a sur, co remate da senda peonil entre os lugares de Silvoso e O Souto, na parroquia de Lamas, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega de Infraestruturas cun investimento de 48.000 euros.
Esta actuación, que foi visitada este mércores pola alcaldesa e o tenente de alcalde, Luisa Piñeiro e José Cela, permitiu completar a conexión peonil segura entre estes dous núcleos coa construción dunha senda de 220 metros na marxe dereita –en dirección a Santa Lucía– da estrada autonómica PO-226.
A obra incluiu pluviais, sumidoiros, retranqueos, muro de contención e barandiña e formigonado en cor.
A alcaldesa de Moraña sinalou que esta obra "practicamente pecha un amplísimo circuíto peonil en condicións de máxima seguridade que cruza o noso municipio e mellora a calidade de vida, sobre todo das parroquias de Lamas e Saiáns e da terceira parte dos veciños do noso territorio, aínda que favorece á totalidade da cidadanía".