Amplíase a alerta laranxa a todo o litoral galego e a Xunta pide que se estremen as precaucións
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias da vicepresidencia da Xunta de Galicia ampliou a alerta laranxa a todo o litoral galego debido á presenza dun temporal que chegou á comunidade nas últimas horas.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) sinala que a partir das 12.00 horas desta mañá amplíase esa alerta de nivel laranxa á provincia de Pontevedra. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros.
Aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva nas zonas dun meirande perigo. Tamén se recomenda que se estremen as medidas de seguridade á hora de ralizar calquera actividade no mar e que se revisen os amarres das embarcacións.
A Xunta tamén indica que os peiraos son espazos de risco nunha situación de temporal. Por este motivo, recomenda que se eviten percorridos en vehículos preto dos peiraos e o aparcamento en portos.
Entre as recomendacións se aconsella non pasear preto do litoral, paseos marítimos e, en xeral, zonas próximas ao mar, sobre todo en aquelas que se encontren batidas polo vento. Tamén se pide á ciudadanía que se evite camiñar preto de guindastres fixas ou automotores e por aquelas edificacións que polas súas características de construción poidan sufrir desprendementos.
Para calquera información, a Xunta recomenda consultar a web do CIAE 112, que ofrece información meteorolóxica e datos sobre como actuar en casos de emerxencia.