Cae un grupo criminal que distribuía droga por toda España desde Arousa
Por Redacción
Novo golpe ao narcotráfico galego. Unha operación conxunta entre a Policía Nacional e a Axencia Tributaria permitiu desarticular un armazón criminal, asentado na zona de Arousa, que se dedicaba a distribuír grandes cantidades de droga, fundamentalmente cocaína, a outras comunidades españolas.
A operación, denominada "Tilvas-Secreto", desembocou na detención de tres persoas, dúas en Vilanova de Arousa e unha terceira en Vigo. Unha delas é, segundo as autoridades policiais, un vello coñecido dos axentes dedicados á loita contra a droga e que, ata agora, conseguira eludir a acción policial.
Ademais, os axentes realizaron tres rexistros domiciliarios e interviñeron máis de 4 quilos e medio de cocaína, útiles e produtos de laboratorio para a obtención do estupefaciente, equipos de transmisión e inhibidores de frecuencia
A investigación desenvolveuse durante varios meses, un tempo no que as unidades de loita contra o narcotráfico analizaron a actividade deste grupo criminal.
A medida que avanzaron as pescudas, os policías comprobaron que os investigados formaban parte dunha organización dedicada á adquisición de droga, á súa preparación e á súa posterior distribución a outras comunidades autónomas.
Tras identificar os responsables da trama, a unidade de droga e crime organizado (UDYCO) da Policía Nacional de Pontevedra e a unidade combinada de Vigo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria efectuaron ás detencións.
O primeiro dos detidos caeu hai dous días, o luns 27, cando foi interceptado conducindo un vehículo que ocultaba catro quilos de cocaína nun habitáculo interior. Os outros dous foron localizados pouco despois.
Os axentes policiais efectuaron tres rexistros domiciliarios en Vilanova de Arousa nos que foron incautados medio quilo máis de droga e, nun deles, localizouse un laboratorio.
Nel, había útiles e produtos químicos para a obtención do estupefaciente como sosa cáustica e acedo clorhídrico, substancia de corte, unha prensa hidráulica, máquinas de envasar ao baleiro, equipos de transmisión, inhibidores de frecuencia, numerosos teléfonos e unha máquina de contar diñeiro.
O xulgado de instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa decretou o ingreso en prisión de dous dos tres detidos.