Bueu renova o abastecemento da auga na avenida de Marín e no Enleito
Por Redacción
O Concello de Bueu e a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga municipal, FCC Aqualia, comezaron as obras de renovación do sistema de abastecemento de auga nun tramo da avenida de Marín e noutro que vai da Ramorta ao Enleito.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou este martes as obras co responsable de FCC Aqualia. Na avenida de Marín xa se abriron 35 metros. As obras interrompéronse por mor das condicións climatolóxicas e continuarán o luns coa substitución de 200 metros lineais que permitirán solucionar as continuas avarías que se teñen producido nunha zona con moitas tubaxes antigas.
As obras do Enleito e A Ramorta tamén continúan estes días e ao remate aproveitarase para pavimentar o camiño.
Segundo salientou o alcalde, estas actuacións forman parte dunha mellora continua das instalacións municipais, tanto do rural como urbanas e por iso, “a idea é continuar cara ao Valado”. Así mesmo, nunha segunda fase levarase a cabo a mellora do sistema de abastecemento na avenida de Montero Ríos e nas Meáns, onde se emprazará un tramo de tubaxe de ferro por outra de polietileno.
Por último, na visita ás obras o rexedor puido coñecer que actualmente a empresa concesionaria do servizo de auga está levando a cabo, no marco do plan de loita contra a seca, unha detección de fugas na rede de abastecemento. Por agora levan percorridos uns seis quilómetros nos que se detectaron tres fugas ocultas, xa solucionadas.