Ponte Caldelas dixitaliza o seu inventario para axilizar trámites administrativos
Por Redacción
Case 25 millóns de euros. É o valor das propiedades municipais de Ponte Caldelas, segundo a revisión que fixeron os técnicos municipais no proceso para dixitalizar todo o seu inventario. Este trámite servirá, segundo o Concello, para axilizar os trámites administrativos.
O goberno municipal entendía que a situación actual, un arquivo que data de 1991 e que estaba repleto de erros, lastraba a xestión administrativa, xa que os camiños e espazos públicos do rural non estaban correctamente catalogados.
O novo documento, que está nas versións dixital e de papel, detalla agora a totalidade das propiedades municipais. Esta actuación foi posible grazas a unha subvención outorgada pola Deputación Provincial no marco do Plan Concellos e tivo un custo de 38.799 euros.
A dixitalización de todos os planos e a creación dunha aplicación, que permite aos traballadores municipais unha rápida consulta, é unha ferramenta que axiliza notablemente a xestión e pon fin á tortuosa busca entre os papeis desordenados do anterior inventario.
Ademais, está integrado cun sistema de información xeográfica, o que permite facer tamén comprobacións online co catastro, pero tamén engadir capas para acceder á información urbanística ou de xestión de taxas municipais.
Este traballo, que tamén permitirá axilizar a concesión de licenzas en vías urbanizadas, foi posible tras un exhaustivo traballo de campo por todo o territorio municipal.