Recollen sinaturas para legalizar a uva de folla redonda
Por Redacción
Veciños de Barro e de concellos da contorna acudiron este luns á charla informativa organizada polo grupo socialista do goberno de Barro sobre a legalización da uva de folla redonda.
Esta presencia veciñal na xuntanza deu mostra do interés que o inicio da regularización desta variedade híbrida suscita entre pequenos productores e hosteleiros.
Durante o encontro o tenente de alcalde de Barro, José Sanmartín, e o concelleiro de goberno de Ribadumia, José Lede, informaron aos asistentes dos trámites realizados ante a Xunta de Galicia para conseguir a comercialización do viño do país que se elabora en gran parte do municipio.
Tanto Sanmartín como Lede fixeron fincapé en que esta variedade é máis resistente aos fungos como o mildeu e, por tal motivo, necesita menos doses de fitosanitarios para a súa producción, podendo considerarse, ao tempo, un producto máis ecolóxico.
Asimesmo insistiron na necesidade de que o viño do país deixe de ser considerado como unha especie de "contrabando".
Ainda que o proceso será longo, dende o grupo socialista de Barro iniciarase unha recollida de sinaturas dirixida á Xunta de Galicia e ao Goberno de España para axilizar os trámites que permitan a legalización da uva de folla redonda e realizaranse novas charlas informativas tanto en Barro como en concellos da comarca.
Ao final da charla os asistentes puideron degustar uns postres tradicionais elaborados con viño de Barro.