Unanimidade na corporación para reurbanizar a rúa Poza da Barcia
Por Alejandro Espiño
Toda a corporación mostrou o seu apoio á moción que presentará o Partido Popular ao próximo pleno municipal. Os populares solicitarán ao Concello a reurbanización da rúa Poza da Barcia, de apenas 250 metros e perpendicular a Conde de Bugallal, que se atopa nun estado de abandono máis que evidente.
Entre outras deficiencias, o PP denunciou o "indigno" estado do firme que percorre toda a rúa e que está "sementado de fochancas". Ademais, non existen beirarrúas en ningunha das marxes nin zonas de aparcadoiro e a vexetación impide transitar aos veciños.
"Obras de reforma unha e outra vez nas mesmas rúas do centro e aquí aínda conservan as luminarias instaladas nos anos 70. Pasan os anos e nada, o BNG de Lores non foi capaz de proxectar nin unha soa intervención na zona", sinalan os populares.
Ademais, ao longo da rúa transcorre un regacho, afluente do río Tomeza, obstruido en ocasións por ramas e follas que caen das árbores e tampouco hai, segundo o PP, contedores de lixo, nin señalación horizontal e vertical.
A comisión de Mobilidade tamén ditaminou de maneira positiva, por unanimidade, a moción presentada polo PSdeG-PSOE para acometer unha serie de melloras na rúa Santa Teresa de Jesús Jornet.
O edil desta área, Demetrio Gómez, explicou que o goberno municipal apoiou estas dúas mocións ao tratarse de zonas nas que o Concello xa tiña previsto actuar.