Rescatan dous mariñeiros en Cabo Udra tras quedar á deriva e bater contra unhas rochas
Por Redacción
Dous mariñeiros de Bueu foron rescatados por unha patrulla da Garda Civil ao redor das 11.30 horas deste martes. O servizo do 112 Galicia alertaba á Garda Civil e a Salvamento Marítimo de que un pequeno barco de pesca atopábase semi afundido na zona de Ancoradoiro, en Cabo Udra.
O particular que avisara ao 112 Galicia relataba que os dous tripulantes estaban subidos a unhas rochas, mentres a embarcación de 6,65 metros de eslora estaba case afundida.
Ata esta zona desprazábase a Garda Civil, que lograba rescatar os dous mariñeiros. Atopábanse en bo estado de saúde, aínda que con sensación de frío debido ao temporal que aumenta na zona. Non foi necesaria asistencia médica.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o accidente debeuse a que a hélice da embarcación enredouse cunha corda, de forma que quedou á deriva ata chocar coas rochas en Cabo Udra.