Narom executará a mellora da estrada provincial EP-9305 en Ribadumia
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este luns a adxudicación á empresa Narom SL das obras de mellora da estrada provincial EP-9305 Coirón-Ribadumia no treito de medio quilómetro que vai dende o centro da vila ata o inicio da ruta da Pedra e da Auga. O orzamento de adxudicación foi finalmente de 172.350,56 euros, o que supón un 23% de baixa con respecto á licitación.
A realización das obras, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, interesou a un total de nove firmas, mais dúas construtoras foron excluídas por presentar ofertas anormalmente baixas que o persoal técnico da Deputación considerou temerarias.
Os traballos de mellora da estrada non poderán iniciarse ata que o concello realice os retranqueos de muros das parcelas que a veciñanza cedeu para a ampliación da estrada. Unha vez se inicia obra, o prazo de execución será de catro meses.
O obxectivo desta actuación é fomentar o tránsito peonil na zona e calmar o tráfico en arredor de medio quilómetro de lonxitude grazas a unha nova senda peonil e ciclista de 2,5 metros de largo e á instalación de redutores físicos de velocidade de vehículos, que permitirán crear una "zona 30".
O deputado Uxío Benítez explica este proxecto exemplifica o cambio de filosofía da Deputación en materia de Mobilidade, xa que coa chegada do novo goberno "os proxectos de reforma viaria poñen o foco nas necesidades das persoas e apostan pola seguridade, a sustentabilidade e a inclusión".
A actuación en Ribadumia será unha realidade grazas ao convenio asinado entre Deputación e Concello o pasado mes de maio de 2018, facéndose cargo do 70% do custe da obra a institución provincial, mentres que o goberno local fará fronte ao 30% restante.
Relacionadas:
-
A Deputación finaliza as obras de mellora da estrada EP-9305 ao seu paso por Ribadumia
Por Redacción |
-
Aprobada a contratación da reforma da estrada entre Ribadumia e a Ruta da Pedra e da Auga
Por Redacción |
-
Vía libre para a mellora da estrada provincial entre Ribadumia e a Ruta da Pedra e da Auga
Por Oskar Viéitez |