Trasladan a Montecelo unha veciña de Cuntis intoxicada por gas
Por Redacción
Os servizos de emerxencia atenderon este luns a unha veciña de Cuntis que sufriu unha intoxicación por gas no interior da súa vivenda.
O suceso rexistrouse esta tarde nun inmoble situado na rúa Xoan Xesús González.
A muller foi trasladada por unha ambulancia do 061 ao Hospital Montecelo de Pontevedra. Xunto a ela, na vivenda estaban dous nenos que foron atendidos no propio domicilio e atópanse totalmente fóra de perigo.
Ao lugar, xunto cos servizos sanitarios, desprazáronse os Bombeiros do Salnés, Protección Civil de Cuntis e a Policía Local.
Os feitos tamén foron postos en coñecemento dos responsables da empresa que subministra o gas á vivenda. Unha vez realizadas as medicións necesarias, os servizos de emerxencia confirmaron que se tratou dunha avaría na caldeira.