O Concello de Bueu presenta o I Plan de Igualdade Intercentros
Por Redacción
O I Plan de Igualdade Intercentros (2019-2022) de Bueu é xa unha realidade, e por iso os centros educativos e o Centro de Información ás Mulleres apostarán por levar a cabo accións conxuntas e programadas coa fin de fomentar a igualdade. Con este motivo iniciou a súa andadura este luns no salón de plenos da Casa Consistorial, onde tivo lugar o acto de presentación no que estiveron presentes o alcalde e varios membros da corporación, a directora do CIM e representantes dos equipos directivos dos centros educativos.
Unha das primeiras accións que se vai poñer en marcha será a celebración dun pleno pola igualdade, que terá lugar o 7 de marzo pola mañá e no que estarán representados dezaseis nenos e nenas dos colexios de primaria da vila.
O plan, que se elaborou cunha subvención da Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo que toda a comunidade educativa da vila vele pola aplicación daquelas medidas que vaian encamiñadas a fomentar o respecto ás diferenzas, entre elas, a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Por iso, e tras a diagnose previa, adoptáronse catro liñas de traballo con corenta e tres accións: modelo de escola coeducativa, desenvolvemento curricular non sexista, orientación con enfoque de xénero e modelo de convivencia igualitaria. O plan tamén incide na necesidade de establecer contacto coas nais e pais para implicalos na coeducación.
Esta iniciativa de acción forma parte do IV Plan para a Igualdade de mulleres e homes (2018-2021), que ten como liña prioritaria de actuación a adopción de medidas no eido educativo, que é a base na que se sitúa o cambio presente e futuro. Tal e como salientou Ramón Torrente, da empresa Andamiaxe (encargada de elaborar o plan), o proceso consta de catro fases: creación do grupo de traballo de centros educativos pola igualdade, diagnose nos centros, elaboración do plan e seguemento e avaliación.
A diagnose incluíu a análise dos documentos internos e as fichas autoavaliativas do CEIP Plurilingüe A Pedra, CEIP A Torre de Cela, CPR Virxe Milagrosa, CEIP Montemogos de Beluso, IES Illa de Ons, e IES Johán Carballeira, a través das que se extraeron algunhas conclusións: as mulleres profesoras representan unha ampla maioría, nos documentos internos persiste a linguaxe sexista aínda que se introduce pouco a pouco a inclusiva, e non existe unha liña de planificación.